Caballeros 1

martes, 24 de enero de 2012

Preguntas para O señor do traxe gris.

O señor do traxe gris sentou e asinou un papel.Ao pouco morreu a colonia dos paxaros de prata das illas do Norte. Logo telefoneou e dixo Si. E desapareceron as árbores que falan na Fraga da Xente. Volveu asinar outro papel e a Montaña de Vento da Serra de Nós saltou polos aires e milleiros de camións levaron a pedra lonxe, a outro país. O señor do traxe gris enviou un fax e desapareceron a Auga dos Ríos Pequenos e enviou outro fax e desapareceu a vida dos Ríos Grandes. O señor do traxe gris continuou a sinar papeis e, a medida que falaba por teléfono, o país facíase máis pequeno. Outra sinatura fixo que moitos homes saísen ó monte matar os xabaríns todos; e outra ordenou que as vacas deixasen de dar leite; e outra, cortar as oliveiras todas do país. E continuou asinando papeis e falando e falando por teléfono e nin parou para xantar. Que ninguén me interrompa! berrou á noitiña cando alguén lle susurrou que debía descansar. E berrou . Que ninguén me moleste! á mañá seguinte cando escoitou xente berrando e petando na porta e berrando e berrando con medo durante un día enteiro. E continuou lendo e asinando papeis e falando por teléfono e traballou infatígabel tres días seguido e o país ía facéndose máis pequeno e máis pequeno e máis. Cando se levantou e mirou pola xanela, o país xa non existía. E o señor do traxe gris colleu aire, asinou o último papel e morreu.
1. Le o título. Que che suxire?
2. O señor do traxe gris é unha metáfora, a quen cres que fai referencia?
3. Onde está o señor do traxe gris? Dise no texto ou deducímolo?
4. Cos poucos datos que se nos dan desta personaxe, poderiamos realizar unha descrición do carácter do protagonista?
5. Enumerade as accións do señor do traxe gris. Que accións fundamentais realizou este home desde que sentou ata que se ergueu?
6  Enumerade agora as consecuencias desas accións.
7. Cunha única acción o autor consegue que o señor do traxe gris nos resulte antipático, cal é?
8. Que teñen de particular os nomes propios do texto?
9. Como se denomina un texto descritivo do carácter dunha persoa?
10. Repasemos a TIPOLOXÍA DOS TEXTOS DESCRITIVOS. Completa este esquema sobre a descrición asignándolle a cada concepto un destes termos específicos: écfrase, retrato, etopea, caricatura, autorretrato, topografía, prosopografía, cronografía.
Descrición de persoas (dos trazos exteriores e dos costumes e trazos morais): ____________
Descrición que alguén fai de si mesmo: ____________ 
Descrición dos costumes e trazos morais de alguén: ____________
Descrición dos trazos físicos ou aspecto exterior (dunha persoa ou animal): ____________  Descrición que ridiculiza ou toma a broma o descrito mediante a deformación grotesca dos trazos físicos ou de carácter: ____________
Descrición de lugares (tamén de paisaxes e ambientes): ____________
Descrición de épocas (de feitos históricos segundo unha orde cronolóxica): ____________
Descrición dunha obra de arte de forma detallada: ____________
11. Cal é o tema deste texto? Que ensinanza pretende transmitir?
12. O texto fai unha lectura concreta de como funcionan as estruturas de poder nas sociedades occidentais dos nosos días. Compartes esta visión? Argumenta convenientemente a túa resposta.
13 Realiza unha adaptación desta historia en 6 viñetas utilizando só os tons grises

No hay comentarios:

Publicar un comentario