Manolo da Fraga viña de traballar. Deixarao o trole na parada do Anide e subía a costa cara a súa casa no lugar de Mirón. Ao pouco de cruzala estrada pasou polo aire unha pega rabilonga, e a moi descarada lle chiscou o ollo dicíndolle: “Manuel, prepara a caixa para esta noite”.
Aos poucos metros, un corvo que o agardaba todo querecho nun poste da luz fíxolle o mesmo aceno, namentres lle dicía: “dálle á túa dona o pésame…” ,e marchou voando. Cando estaba a entrar polo portelo da horta foi un repoludo moucho o que lle dixo: “ás once mira de estar preparado, que virá a buscarte a bubela”.
Manolo contoulle á súa muller o caso entre saloucos, e ela, coñecida como María de López, tirou de retranca:
-Pois xa sabes: ponte guapo, e espera a que chame á porta…
Logo cabreouse:
-Abofé que me casei cun atorrante…
E ó final fixo uso da razón:
-Oíches: afeita a cabeza, pon estes lentes de xoguete, e antes das dez e pico vaste agochar á taberna de Freire. Mentres eu poñereille unha vela a San Silvestre. Se a paxara non te pilla antes da media noite, safamos desta. E tamén lle podes pedir a Freire o acordeón, que ven pasas por un cego de feira.
Ás doce e media, a pizpireta bubela chamou á porta da casa de Manolo, e saíulle María:
-Viñeches mal encamiñado, galo merdeiro do carafio. Manolo vai nunha viaxe, e ademais está ofrecido á Virxe da Barca do ano que ven. Que saibas que non o podes levar. Así cho digo.
María falou como se estudase o Código Civil. A resposta da bubela foi está:
-Tes que perdoar que te moleste a esta hora. Só viña a che dicir que non te preocupes por Manolo. Nesta tempada deixarémolo estar. Pasóuseme a hora, e hoxe só puiden meter no saco a un acordeonista pelado na de Freire…
No hay comentarios:
Publicar un comentario