Caballeros 1

miércoles, 7 de julio de 2010

Politicamente incorrecto

Soporífero Caim
Dous premios Nobel de Literatura ibéricos mostran elementos vitais e produtivos semellantes.
Don Camilo de Madrid (Padrón foille anécdota) escribiu a penas un par de libros magníficos, loou o castelán e desprezou o galego; e casou xa ancián con moza inclinada ao comercio. Son moitos os críticos que se preguntan de que xeito acadaría tan nobre galardón o madrileño, autor de escasa obra válida; e como, xa senil, non tivo quen lle impedise publicar futilidades que o denigran.
Don José de Lisboa (a aldea ribatexana tampouco importa) tivo entrada gloriosa no mundo das Letras, adoraba o castelán e menosprezaba o galego. Tamén casou con moza negociante (de mal oído: «Es que los gallegos habláis portugués mal hablao») e tiña moito crítico a se preguntar como puido chegar tan lonxe mentres os seus textos decaían ata se converteren nunha mazada.
Erasmo de Roterdam deixa claro en Eloxio da loucura que os vellos perden o sentidiño e acaban sendo coma nenos. Por iso é deber das familias (en concreto, das esposas beneficiarias) o reteren os anciáns como retiveran os fillos meniños. Daquela sorprende que a dama andaluza lle permitise a don José -canario honorario- dar ao prelo algo coma Caim. O texto derradeiro enfurece os crentes en Deus e fai traballar crentes e ateos no intento de colocaren os signos convencionais da escrita levados polo demo. Colocados, logo perciben unha divagación sen xeito nin graza, soporífera: vacina recomendable contra as vaidades diabólicas dun terreal galardón
. (La Voz de Galicia, 30/06/2010)

1 comentario: