Caballeros 1

viernes, 26 de octubre de 2018

Avilés de Taramancos,


Na outra banda do mar constrúen o navío: 
o martelar dos calafates resoa na mañá, e non saben
que están a construir a torre de cristal da miña infancia.
Non saben que cada peza, cada caderna maxistral
é unha peza do meu ser. Non saben
que no interior da quilla está a médula mesma
da miña espiña dorsal; que no galipote a quencer
está o perfume máxico da vida.
Que cando no remate ergan a vela, e a enxárcia
tremole vagarosamente no ar
será o meu corazón quen sinta o vento,
será o meu corazón.
 De As torres no ar 1988.

Na terra chan mais longa…

Na terra chan mais longa,
longa sen fin, terriblemente longa,
circular e tirante como un tambor de aceiro
onde o sol non é Pai nin irmán nin amigo
senón un viaxante galopín e sinistro
que ensome con carraxe os ósos temperados.
Na terra do xoropo, do xaguar, do papaio,
nas ribeiras do Guaviare, do Meta, do Vichada,
no corazón da selva, no corazón do mundo
a un mil e cincocentos kilómetros do home
chegou cheo de brétema a visitarme o mar.

E chorei como un home, como un lobo atrapado:
non chorei de saudade nin de amor nin de ira,
foi o pranto dun tigre malferido e lonxano
o agromar do home mariñeiro que un día
acorei no burato mais fondo do meu sangue.

Veu a visitarme o mar:
o mar de Finisterre, o mar da Vida
o mar maior dos pailebotes áxiles,
arrecendendo a aceite de liñaza de roupa mariñeira,
a saín e argazo
a escuma fresca, a brea, a galipote.
E foi un temporal o meu alento:
oceánicas foulas abalaran a selva
porque me veu a visita-lo mar.

Ouh que salgado orballo me atereceu o corpo
a un mil e cincocentos quilómetros do home:
o amigo, o compañeiro de perfecta entraña
o capitán dos meus veleiros claros
o mar feliz arrolador de dornas
tan amado de meu que non me esquece.

Mariñeiro: Unha noite cantarémo-los dous
bébedos como Ulises no malecón dun porto
cubertos de salitre e de sueste, os dous
ulindo a mar, a libertade, a viño.
Unha noite cantarémo-los dous
e o mar estará ledo como un pai regresado.

Unha noite cantarémo-los dous tan barilmente
que estalará o amor mais poderoso
un atómico amor de forza única
nado á beira do mar e da tenrura.

Hoxe o meu esqueleto é un gran estaleiro
a onde chegan feridos os navíos de antano,
as altas proas de brancura intacta
con nomes de muller, nomes de rosa,
nomes cheos de azul, de sal, de ondas:
—Olga — Flor do Barqueiro — Lealdade—
que agora os homes brosmos do progreso
fan navegar a gas-oil e odio.

(Eu amo os paquebotes silandeiros,
as agudas corvetas vixiantes,
amo a máquina en si,
amo a enerxía.
Pero aborrezo o crime tan escuro
de asesiñar veleiros triunfadores.)

Ouh irmán mar:
eiquí na inmensa eira
na eira do Vaupés, do Casenare,
chegoume a apreta honrada do teu brazo
e ouveei na selva, aqueloutrado,
ata que o sal das bágoas me arrepuxo
unha ribeira extensa polo labio

Os poemas da ausencia  Antón Avilés de Taramancos

No hay comentarios:

Publicar un comentario