
Os espazos habitados máis antigos da área coruñesa son: o Castro de Elviña, datado entre os séculos I a.C. - II d. C, e os de Nostián e Castrillón. A época romana conta con presenza nos séculos I – IV d. C. especialmente en parte da Cidade Vella e Pescadería, sendo frecuentes os achados de antigas edificacións e tumbas en rúas como a Real ou a Franxa. A Torre de Hércules, levantada onde hai quen pensa que está a explicación ao topónimo, foi feita no século II d. C. En calquera caso, o nome destes lugares perdeuse, logo da desaparición do Imperio e da perda de relevancia do seu porto. O nome que sucedeu a Brigantium resultaría ser, andado o tempo, o de Farum Brecancium, o que querería dicir que a poboación perdería importancia na designación do topónimo gañándoa o feito da existencia do faro. Aparecería logo na comarca unha nova poboación, o Burgo de Faro que estaría situado no actual O Burgo, xa mencionado no século XII e con moi probable presenza anterior.
Os precedentes do topónimo Coruña son escasos entre o período antes mencionado e o documento fundacional que data de 1208 e que di así: “Do pro termino Concilio de Curunia duas leguas in circuitu ipsius ville ex omni parte. Concedo…” O topónimo aparece tamen citado na crónica do Pseudo Turpín, incluída no Codex Calixtinus e no “Foro dos Cregos”, carta dada por Fernando II en 1180 aos cregos de A Cruña, eximíndolles do pago de impostos, texto que dicía o seguinte:
“…eu rrey Don Fer/nando en sinbla con meu fillo Rrey Don Afonso a exenplo dos bos reys e contra o destruimento e as forças dos malfeytores/ faço carta de libredume et de encoutamento/ a todos los clérigos na Cruña e en todo seu/ alfoz et seu términos hestabelecido e mo/radores et a todos los outros que depois elles…”
As formas Crunna e Crunia serán as formas que máis aparecen na documentación posterior ao documento fundacional. Sucesivamente irán aparecendo documentos en galego e en castelán nos que xa aparece o artigo, cousa que veremos por exemplo no 1286 nunha carta de don Sancho ao comendador de Faro pedíndolle que desfaga a pobra do Burgo e que di así:
“… y poblastes después que uos los conpro el Rey don Alffonso, mio padre, quando poblo la Crunna…”
Ou nun subarrendamento feito en 1282 en Sobrado: “..do dito moesteiro avos Martin Perez de Sanctiago vizino e morador da Crunna e a vossa moller donna Orraca Eanes…” . O mesmo Mosteiro de Sobrado danos outro exemplo en 1315 de Crunna, desta volta en castelán: “… al Conçejo de la Crunna et el conuento del monesterio de Sobrado…”
As formas Coruna e Corunna aparecerán no S. XIV coa introdución dun “o” epentético certamente non habitual no galego, como irregular sería a presunta evolución dun Clunia en Crunia, para Moralejo posiblemente por influencia medieval culta e conservadora.
Actualmente non sabemos a razón que motivou o fundar unha cidade cun nome practicamente novo para o que case non había referencias previas. Máis doado é pensar que o movemento de poboación do Burgo de Faro á nova vila debeuse ao interese en potenciar un porto ao atoparen máis axeitado o lugar que hoxe é A Coruña para tal fin.
No hay comentarios:
Publicar un comentario