Vén de inaugurarse no Centro Ágora da Coruña a exposición Arde la calle, que percorre 30 anos da obra de Miguel Trillo (Jimena de la Frontera, Cádiz, 1953), incluíndo fotos sacadas na Coruña especialmente para esta mostra. Baseándose na premisa de que «o espectáculo está no público, non no escenario», as súas fotografías retratan as tribus urbanas ó longo do mundo, seguindo sempre un esquema semellante. O individuo mira á cámara diante dun espazo urbano inconcreto, e convértese en representante do que Trillo denomina «a internacional xuvenil». Unha liña común a épocas e lugares moi diversos, nas que os xóvenes se unen na diferenza baixo o paraugas das pintas, e case sempre arredor da música. Nun comezo, as persoas/personaxes das súas fotos eran o público dos concertos da Movida madrileña. Hoxe en día, continúa co mesmo proxecto, creando un mapa desas culturas urbanas no mundo. Os mozos seguen posando diante deses fondos cheos de cor.
No hay comentarios:
Publicar un comentario